23 marzo 2015

Un país de caixas

Somos un país de caixas, metemos cada opinión e cada idea nunha e procuramos que non se mesturen porque iso despístanos moito; se  és médico fórraste coa privada, se és construtor estás corrupto, se és xornalista sempre manipulas e se és policía gústache pór multas. O malo é que a vida lonxe de estar formada por compartimentos estancos que nos manteñan arriba é, e cada vez máis, un estado líquido no que como explica o sociólogo Bauman témonos que dotar dunha personalidade flexible que nos permite afrontar os constantes cambios da sociedade.


Na Gala benéfica de Ames a favor da Fundación Andrea atopeime cun amigo que se sorprendía de que sendo xornalista, e editando un xornal, quixese entrar en política; en canto un sae da caixa e tenta respirar a sociedade encárgase de lembrarche "ese non é o lugar que che demos". A política, dito en serio e non como recheo dun discurso, é servizo público; calquera debería poder ser político sen que por iso a primeira valoración que se faga sexa si pode ou non aspirar a iso; coñecín catedráticos de universidade moi pouco capacitados para xestionar e fontaneiros cunha cabeza mellor amoblada que o Palacio Real. Con esta idea preséntome, a de colaborar no que se poida e cuns principios básicos recolleitos nun manifesto que non deixa lugar a dúbidas; non me molestou a sorpresa do meu amigo pero si o fixo a teima de meter aos xornalistas nunha determinada caixa un construtor ou un médico pode ser político e un xornalista non?.

Algúns investigadores consideran a Acta Diúrna o primeiro xornal, consistía nun repaso das actividades cotiás dos negocios da antiga Roma, nela Xulio Cesar ordenou publicar as obras diarias do senado aínda que logo Cesar Augusto prohibiuno, vese que o da "lei mordaza" vén de lonxe. A relación entre xornalismo e política seguiu ao longo dos séculos converténdose nunha relación de amor / odio que é a que leva a pensar que ningún dos dous pode pasar á beira contraria. Ser tertuliano non é ser xornalista pero ten algo que ver en canto á análise do que sucede para tentar explicalo, un político pode ser tertuliano pero un xornalista non pode ser político?. Creo que vivimos tempos nos que pór etiquetas ou meter as cousas en caixas non conduce a nada, hai que analizar a realidade para detectar as necesidades e pór remedio aos problemas; a análise non pode ser interesado e debe de procurar recoller todas as arestas da nosa sociedade.

Debo de ser o único que non considera os resultados do Psoe en Andalucía un éxito; cae en porcentaxe de votación e pasa dun goberno no que pactando con Esquerda Unida conseguía estabilidade a un no que nin así lle chega; o peor para min é que a caída en porcentaxe de votos é moi parecida no Psoe e en EU pero mentres un mantén os seus deputados o outro perde 7 escanos, conclusión? difícil que os grandes partidos cambien a lei electoral, vailles moi ben así, caen o mesmo EU e Psoe pero todo o mundo titula éxito do Psoe.


Non basta mirar que proxecto se necesitan en Ames, hai que mirar que colectivos, que persoas, se quedamos nos titulares pasaranos como en Andalucía e non veremos a raíz do problema.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

comentade con toda liberdde mais con respecto por favor